venres, 18 de maio de 2018

O día que choveu do revés

O curso está pasando, xa realizamos moitas actividades adaptando o texto en LSE. Pero hoxe é J. o que ten que elexir que conto quere interpretar. Tiñamos unha sorpresa, este conto iámolo facer cun croma.

Contei coa axuda da orientadora M. Foi ela, de forma desinteresada, a que elixiu a tea e a coseu para que o antigo biombo da enfermería que existía no centro, cobrara unha nova vida, para utilizala como set audiovisual na aula de AL.




Tocaba elixir o conto, e J. non tivo ningunha dúbida. A intérprete de Lingua de Signos (ILSE) regaláralle o conto de María Canosa "O día que choveu do revés" aos nenos e nenas da súa clase. Así daríalles unha sorpresa!




Comezamos a grabar, a ILSE axudaba a J. a interpretar a historia pero J. sorprendíanos realizando a súa propia interpretación do conto que xa lera nalgunha ocasión.
Vanesa, a titora de 3º EP, colaborou neste proxecto con J. prestando a súa voz para editar este conto.




Para ver o resultado do vídeo premede no seguinte link que vos conduce á páxina web do cole. Esperamos que vos guste!




martes, 1 de maio de 2018

Teresa Perales

Así foi como arrancou este novo proxecto... 


Comezábamos un segundo trimestre cun novo proxecto á vista. Desde o Plan Proxecta do centro "Donas de si", propuxeran investigar sobre unha muller importante na historia. O alumnado de 2º tiñan que indagar sobre a figura de Teresa Perales...

S. estivo encantada de poder interpretar toda a información que a mestra Susana nos propuxera. Foron varios días de grabación, moitas horas de memorizar o guión, pero o resultado é froito de traballo, constancia e superación da pequena do grupo.



...Así quedou o vídeo sobre Teresa Perales.




domingo, 22 de abril de 2018

Fonte DEDOS para os productos do Office: Word, PowerPoint...

Buscando novos tipos de letras que adornen os materiais que elaboro para o alumnado atopei a fonte que transcribe en dactilolóxico. 

No colexio temos varios alumnos con diversidade funcional auditiva, polo que a adaptación do material é fundamental para que accedan á información.

Carolina, a intérprete do cole, axúdame a adaptar todo o material en LSE pero seguro que este descubrimento será unha grata sorpresa ao ver que poden acceder a moita información en diferentes soportes.

Hoxe descubrín esta fonte: DEDOS que non é máis que o alfabeto dactilolóxico pero que resultará moi gratificante para transcribir novas actividades.

Non hai máis que descargar o arquivo no ordenador e instalalo. No sistema operativo Windows hai que gardar o arquivo no cartafol de Fontes e nos Mac xa o fai de forma automática.




martes, 10 de abril de 2018

Xógalla ao ruído


Un dos grandes convenientes que atopamos na aula é a contaminación acústica, o ruído, xa que dificulta a atención e a concentración do alumnado e, polo tanto, pode alterar o desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe. 


Existen estudios que certifican que existe unha reducción das capacidades cognitivas a partir dos 50 dB de ruido, frecuencia que supera ao nivel conversacional.
Despois de ler varios artigos sobre ideas para o aislamento acústicos das aulas, atopei un centro de Educación Infantil en Cádiz que propuseran unha campaña cuxa finalidade era traballar a competencia social e cidadá e así concienciar ao alumnado sobre os ruidos inintencionados que provocamos diariamente na escola. 

Eles tiñan as pistas de tenis próximas ao centro e iso dounos a idea de solicitar a colaboración dos compañeiros do Complexo Deportivo A Granxa para reutilizar esas pelotas de padel ou tenis que xa non servían para xogar.


Aos nenos e nenas chamáronlle moito a atención. Xa forman parte da decoración da aula e son unha axuda para aislar acusticamente a aula dos ruidos que poidamos xerar.


domingo, 25 de marzo de 2018

Despedimos o segundo trimestre

Para rematar o trimestre, decidín realizar un xogo no que aínda que o premio era o que os nenos e nenas desexaban, o camiño para conseguilo beneficiábaos máis: 

                              "A procura dos ovos de chocolate"


A actividade estivo adaptada ao alumnado que acude a aula de AL, xa que son de diferentes idades e están escolarizados en distintos niveis de primaria.

O alumnado de 1º EP traballaba os procesos psicolóxicos básicos: atención, concentración, percepció, motivación, linguaxe e aprendizaxe. Todos eles encamiñados a descubrir as formas, cores, tamaños... que formaban as pezas dos ovos que tiñan que encaixar. 





J. e S. tiñan que asociar as partes das pezas e na parte inferior formábase unha palabra que tiñan que recoñecer e signar en LSE.


Os nenos e nenas de 6º EP tiveron que traballar un pouquiño máis. Para eles elexín o xogo do Pasapalabra, quen acertaba a palabra do rosco, tiña unha pista relacionada co lugar onde ían a atopar a peza que encaixase ca parte do ovo que xa tiñan ao comezo do xogo. Se non encaixaba tiñan que volver ao rosco e comezaban o xogo de novo.


 Todos tiveron a súa recompensa e eu disfrutei de que aprenderan de forma divertida.