venres, 18 de maio de 2018

O día que choveu do revés

O curso está pasando, xa realizamos moitas actividades adaptando o texto en LSE. Pero hoxe é J. o que ten que elexir que conto quere interpretar. Tiñamos unha sorpresa, este conto iámolo facer cun croma.

Contei coa axuda da orientadora M. Foi ela, de forma desinteresada, a que elixiu a tea e a coseu para que o antigo biombo da enfermería que existía no centro, cobrara unha nova vida, para utilizala como set audiovisual na aula de AL.




Tocaba elixir o conto, e J. non tivo ningunha dúbida. A intérprete de Lingua de Signos (ILSE) regaláralle o conto de María Canosa "O día que choveu do revés" aos nenos e nenas da súa clase. Así daríalles unha sorpresa!




Comezamos a grabar, a ILSE axudaba a J. a interpretar a historia pero J. sorprendíanos realizando a súa propia interpretación do conto que xa lera nalgunha ocasión.
Vanesa, a titora de 3º EP, colaborou neste proxecto con J. prestando a súa voz para editar este conto.




Para ver o resultado do vídeo premede no seguinte link que vos conduce á páxina web do cole. Esperamos que vos guste!




martes, 1 de maio de 2018

Teresa Perales

Así foi como arrancou este novo proxecto... 


Comezábamos un segundo trimestre cun novo proxecto á vista. Desde o Plan Proxecta do centro "Donas de si", propuxeran investigar sobre unha muller importante na historia. O alumnado de 2º tiñan que indagar sobre a figura de Teresa Perales...

S. estivo encantada de poder interpretar toda a información que a mestra Susana nos propuxera. Foron varios días de grabación, moitas horas de memorizar o guión, pero o resultado é froito de traballo, constancia e superación da pequena do grupo.



...Así quedou o vídeo sobre Teresa Perales.




domingo, 22 de abril de 2018

Fonte DEDOS para os productos do Office: Word, PowerPoint...

Buscando novos tipos de letras que adornen os materiais que elaboro para o alumnado atopei a fonte que transcribe en dactilolóxico. 

No colexio temos varios alumnos con diversidade funcional auditiva, polo que a adaptación do material é fundamental para que accedan á información.

Carolina, a intérprete do cole, axúdame a adaptar todo o material en LSE pero seguro que este descubrimento será unha grata sorpresa ao ver que poden acceder a moita información en diferentes soportes.

Hoxe descubrín esta fonte: DEDOS que non é máis que o alfabeto dactilolóxico pero que resultará moi gratificante para transcribir novas actividades.

Non hai máis que descargar o arquivo no ordenador e instalalo. No sistema operativo Windows hai que gardar o arquivo no cartafol de Fontes e nos Mac xa o fai de forma automática.




martes, 10 de abril de 2018

Xógalla ao ruído


Un dos grandes convenientes que atopamos na aula é a contaminación acústica, o ruído, xa que dificulta a atención e a concentración do alumnado e, polo tanto, pode alterar o desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe. 


Existen estudios que certifican que existe unha reducción das capacidades cognitivas a partir dos 50 dB de ruido, frecuencia que supera ao nivel conversacional.
Despois de ler varios artigos sobre ideas para o aislamento acústicos das aulas, atopei un centro de Educación Infantil en Cádiz que propuseran unha campaña cuxa finalidade era traballar a competencia social e cidadá e así concienciar ao alumnado sobre os ruidos inintencionados que provocamos diariamente na escola. 

Eles tiñan as pistas de tenis próximas ao centro e iso dounos a idea de solicitar a colaboración dos compañeiros do Complexo Deportivo A Granxa para reutilizar esas pelotas de padel ou tenis que xa non servían para xogar.


Aos nenos e nenas chamáronlle moito a atención. Xa forman parte da decoración da aula e son unha axuda para aislar acusticamente a aula dos ruidos que poidamos xerar.


domingo, 25 de marzo de 2018

Despedimos o segundo trimestre

Para rematar o trimestre, decidín realizar un xogo no que aínda que o premio era o que os nenos e nenas desexaban, o camiño para conseguilo beneficiábaos máis: 

                              "A procura dos ovos de chocolate"


A actividade estivo adaptada ao alumnado que acude a aula de AL, xa que son de diferentes idades e están escolarizados en distintos niveis de primaria.

O alumnado de 1º EP traballaba os procesos psicolóxicos básicos: atención, concentración, percepció, motivación, linguaxe e aprendizaxe. Todos eles encamiñados a descubrir as formas, cores, tamaños... que formaban as pezas dos ovos que tiñan que encaixar. 





J. e S. tiñan que asociar as partes das pezas e na parte inferior formábase unha palabra que tiñan que recoñecer e signar en LSE.


Os nenos e nenas de 6º EP tiveron que traballar un pouquiño máis. Para eles elexín o xogo do Pasapalabra, quen acertaba a palabra do rosco, tiña unha pista relacionada co lugar onde ían a atopar a peza que encaixase ca parte do ovo que xa tiñan ao comezo do xogo. Se non encaixaba tiñan que volver ao rosco e comezaban o xogo de novo.


 Todos tiveron a súa recompensa e eu disfrutei de que aprenderan de forma divertida.



 

sábado, 24 de febreiro de 2018

Dian Fossey

Un increíble traballo cooperativo!!


No cole estamos traballando co Proxecta "Donas de si". Desde a aula de AL e co alumnado con diversidade funcional auditiva procuramos información sobre Dian Fossey. 
Realizamos una chuvia de ideas coa información máis relevante para elaborar un conto. 
Fixemos fotos cos signos de cada frase, axudounos Carolina (ILSE do colexio) e Maca (ILSE que nos acompañou durante o primeiro trimestre) para achegalos ao conto que a mestra Marta utilizou para facer un Power Point.
Logo ocorreusenos facer algo diferente. Por que non interpretalo mediante unha webinar???
A profe Inma axudounos co audio e este foi o resultado...



O LIM sobre Dian Fossey, con adaptación en LSE (deseñado pola mestra Marta e Silvia Rodríguez).

Gracias Silvia! Sen o teu traballo con Jorge, Rubí e Samay non poderíamos nin imaxinar chegar ata aquí. 



  • Lim en castelán




  • Lim en galego